O Cortizo afinará a súa posta a punto para a Copa de España no Memorial Sanroma

Como cada ano no inicio de tempada, o Memorial San Roma volverá reunir en Almagro aos principais ciclistas da categoría elite e sub-23. A proba ciudadrealeña será, por tanto, o último test do Cortizo antes da Copa de España, o campionato da regularidade que dará o pistoletazo de saída dentro dunha semana.

Marcos Serrano convocou para esta cita a Martín Rey, Alejandro Paz, Vojtech Kminek, Dani Cavia, Marc Cabedo, Fran Bennassar e José Luis Faura, “un equipo moi parecido ao que competirá en Copa en Don Benito”, recoñece o técnico de Chapela. Os padroneses acoden ao Memorial Sanroma co obxectivo de “revalidar o título logrado a pasada campaña e afinar a posta a punto para a Copa”, engade Serrano. Cabe lembrar que na anterior edición, Fran Rus conseguiu o triunfo absoluto e unha vitoria de etapa, estreando así o palmarés do Cortizo 2023.

Nesta edición, o Memorial Sanroma volverá contar con dúas etapas. A primeira, mañá sábado, exporá un percorrido de 124 quilómetros con saída en Almagro e meta na ermida da Virxe dos Santos, incluíndo tamén un dobre paso polo Alto da Garganta (4ª categoría). O domingo, a carreira volverá a Almagro para afrontar a segunda e definitiva tirada, unha etapa de 164 quilómetros na que destacan o Alto de Huertezelas (2ª Categoría) e novamente o Alto da Garganta como principais dificultades montañosas.