O Equipo Cortizo elixiu o día de San Valentín para celebrar a súa presentación oficial, unha data simbólica que encheu Padrón de namorados da bicicleta. A escuadra verdiazul reuniu no Hotel Scala a máis de 300 persoas para dar a coñecer o seu proxecto para a nova tempada que acaba de arrincar.
O acto contou coa presenza de destacadas figuras do ciclismo galego como Óscar Pereiro, Ezequiel Mosquera, Samuel Blanco, Delio Fernández, José Manuel Oliveira, José Ángel Vidal, Evaristo Portela, Guillermo García Janeiro ou David Blanco, xunto ao presidente da Federación Galega, Juan Carlos Muñiz, o presidente do Grupo Cortizo, José Manuel Cortizo, e os alcaldes de Padrón, Anxo Arca, Rois, Ramón Tojo, e Dodro, Xabier Castro.
O evento arrincou co recordatorio dun dos momentos máis emocionantes da pasada campaña, a Volta a Galicia, na que Martín Rey converteuse no vencedor máis novo da historia da proba tras un emocionante final na última etapa de Pontevedra. Martín, chamado a ser un dos líderes este ano, é un dos corredores formados nas categorías inferiores do Padronés, e un referente para os máis pequenos, os cales tamén viviron a súa posta de longo. Así, subiron ao escenario máis de 30 corredores e corredoras das categorías promesa, principiante, alevín, infantil, cadete e junior, con idades comprendidas entre os 5 e os 18 anos, que soñan con formar parte algún día do equipo elite e sub-23. Precisamente, o equipo de maiores do Padronés Cortizo afrontará esta tempada o proxecto máis ambicioso dos seus case 70 anos de historia. O listón da última quedou moi alto, con 23 vitorias individuais, 28 segundos e terceiros postos, e 21 triunfos por equipos, pero os de Marcos Serrano van a por todas. “Temos un bloque con moitas caras novas e moi compensado que seguro que nos vai a dar moitas alegrías”, asegurou o director deportivo, quen estará á fronte da nave por terceira campaña consecutiva. Entre os obxectivos para este 2024 sinala “pelexar pola Copa de España”, o campionato que reúne aos mellores corredores da categoría competindo polo título nunha especie de liga con 11 carreiras que arrincará en Don Benito (Badaxoz) dentro de dúas semanas. Marcos Serrano tamén sinala en vermello “a Clásica de Pascua e as grandes voltas” dentro dun calendario que volverá superar “o medio centenar de probas”, asegura.
Para iso, contará con un persoal de 22 ciclistas, con 8 renovados (Martín Rey, Alejandro Paz, Hugo Calvo, Vojtech Kminek, Carlos Gutiérrez, Marc Torres, Pabo Bonilla e Sebastián Calderón) e 14 fichaxes (Maksym Bilyi, Luis López, Fran Bennassar, Joan Gamundi, Jorge González, Hugo da Rúa, Ramón Fernández, Lolo Rodríguez, Óscar García, Marc Cabedo, Dani Cavia, José Luis Faura e outras dúas promesas do ciclismo latinoamericano que se incorporarán a partir de primavera.
Todos tratarán de facer un gran ano e que se lles abran as portas do profesionalismo, como lle ocorreu a pasada tempada a Sergio Chumil, Sinuhé Fernández e David Delgado, quen saltou ao Burgos BH desde o Cortizo. Os tres tamén se deixaron ver de forma virtual na posta de longo do seu exequipo, ao que enviaron “os mellores desexos” para a campaña que acaba de arrincar.