O equipo Cortizo refórzase con Maksym Bilyi e Luis López

O equipo Cortizo continúa dando forma ao persoal desta tempada e acaba de anunciar dúas novas incorporacións, reforzando a parcela elite co ucraíno Maksym Bilyi e a sub-23 co andaluz Luis López.

Maksym Bilyi (Mykolaiv-Ucraína, 2001) é o actual campión de roteiro do seu país e chega ao Padronés procedente do UC Mónaco, escuadra na que militou as dúas últimas campañas tras pasar polo D’Amico Italiano da categoría continental. O pasado ano, Bilyi sumou varios podios en Francia, España e Italia. Entre eles, a vitoria en Grand Prix da Saint-Pierre–Alleins, o terceiro posto da Volta a Madrid, na que tamén logrou a segunda posición na última etapa, a mesma clasificación que alcanzou na xornada inaugural da Volta a Castelló e no Critérium de Mónaco. Corredor forte na montaña, Bilyi móstrase “moi contento” pola súa incorporación ao Cortizo e asegura “estar motivado e preparado para axudar ao equipo para conseguir grandes resultados”.

Luis López Díaz(Xaén, 2005) procede do Valverde Team murciano e estrearase como sub-23 ás ordes de Marcos Serrano. No seu último ano en categoría júnior, ofreceu actuacións destacadas no Trofeo Inauguración, a Volta ao Concelho de Loulé ou a Volta á Montaña Central. Luis Díaz chega coa ilusión de recoller a testemuña doutro xienense, David Delgado, quen acaba de debutar como profesional no Burgos-BH. “Adestro moitas veces con David e faloume moi ben do Cortizo. Oxalá poida seguir os seus pasos, aínda que a miña prioridade é adaptarme canto antes á categoría. Achegarei o meu granito de area e tentarei axudar ao equipo dando o mellor de min, sobre todo na escalada, o meu terreo favorito, aínda que tamén me defendo moi ben no chairo e nas chegadas de grupos reducidos”, asegura.

Maksym Bilyi e Luis López únense a un persoal que xa conta con 20 corredores. Xunto a eles, outras 10 fichaxes: Óscar García, Fran Bennàssar, Joan Gamundi, Marc Cabedo, Hugo da Rúa, Jorge González, Ramón Fernández, Lolo Rodríguez, Dani Cavia e José Luis Faura. Ademais, o Cortizo renovou a oito ciclistas: Martín Rey, Alejandro Paz, Carlos Gutiérrez, Vojtech Kminek, Marc Torres, Sebas Calderón, Pablo Bonilla e Hugo Calvo.

Mañá, presentación oficial en Padrón

Esta semana, o equipo Cortizo leva a cabo o seu habitual concentración de inicio de tempada, reunindo na súa sede de Padrón a todo o persoal para desenvolver adestramentos conxuntos e individualizados, formacións específicas e ultimar a posta a punto con vistas ao comezo da Copa de España que se producirá a finais deste mes.

Ademais, a escuadra dirixida por Marcos Serrano realizará mañá, a partir das 20:30 horas no Hotel Scala, a presentación oficial ante o seu público; un evento no que estarán arroupados por destacadas figuras do ciclismo galego e que tamén se emitirá en directo a través da súa canle oficial de Youtube.