Dani Cavia, segundo no Memorial Sanroma

O Padronés Cortizo afrontaba o Memorial Sanroma como un ensaio para medir o seu estado de forma con vistas á Copa de España que arrinca o vindeiro domingo. Finalizada a proba, tanto o resultado como as sensacións convidan o optimismo: Dani Cavia terminou segundo e o gran traballo colectivo tamén lles outorgou a vitoria por equipos.

O Memorial Sanroma, dividido en dúas etapas de 124 e 164 quilómetros respectivamente, quedou encamiñado na xornada inaugural do sábado, na que o inédito final co ascenso á ermida da Virxe dos Santos marcou as primeiras diferenzas. A fuga do día foi neutralizada a un quilómetro de meta antes de iniciar unha subida que endurecía o seu pendente nos últimos 500 metros. Zurita, ex do Cortizo, apuraba a súa punta de velocidade para facerse co triunfo de etapa por diante de Dani Cavia, que entrou a catro segundos.

Coa idea de recortar esa diferenza, saíron a por todas esta mañá os de Marcos Serrano, conscientes de que as súas opcións pasaban por imprimir un ritmo moi alto nun percorrido que incluía un porto de segunda categoría, Huertezuelas, pero moi lonxe do final. Tras varios intentos de escapada sen éxito, a pé de porto lanzouse Vojtech Kaminek con Javier Ibañez (Cajar Rual Alea), aos que se uniron máis unidades no descenso, entre eles, outros dous Cortizo: Faura e Dani Cavia. Ese grupo logrou abrir unha brecha de máis de dous minutos co pelotón no que viaxaba o líder, pero foi neutralizado a 20 kilómetos de meta, resolvéndose a etapa nun esprint masivo que non deixou diferenzas na clasificación xeral. Dani Cavia mantivo a segunda posición e o Padronés, o liderado por equipos, situando tamén a Kminek e Faura no top 10.

“Foi unha volta na que se foi moi rápido e que quedou marcada polas diferenzas do sábado. Hoxe sabiamos que tiñamos que recortarlle catro segundo ao líder e tentamos facer o porto o máis duro posible, seleccionando un grupo de sete no que iamos tres Cortizo, pero non houbo entendemento. Por detrás, xuntáronse moitos corredores para tentar botar a fuga abaixo e colléronnos a 20 quilómetros de meta. Vou moi contento con este primeiro podio e co gran traballo do equipo, o cal está a render a un gran nivel neste inicio de tempada ”, aseguraba Cavia ao finalizar o Memorial Sanroma.

A canteira tamén brilla na Volta a Estremadura Júnior con triunfo de Tomás Pombo

Esta fin de semana tamén botaba a rodar o equipo júnior do Padronés Cortizo, estreándose ao grande na Volta a Estremadura. Tomás Pombo levou o triunfo da xeral e foi o vencedor da segunda etapa. Ademais, a escuadra dirixida por Jesús Rodríguez Carballido fíxose co triunfo por equipos e coas camisolas da montaña e métalas volantes.

©Álvaro García