Faura vence na Volta a Estremadura e consegue o quinto triunfo da tempada para o Cortizo

O Padronés Cortizo suma e segue neste inicio de tempada. Os de Marcos Serrano volveron reivindicar o seu potencial colectivo na Volta a Estremadura para levantar a José Luis Faura ao triunfo da xeral e impoñerse tamén na clasificación por equipos.

A rolda estremeña contaba este ano con tres etapas, dúas delas con final no alto, polo que Serrano apostou para esta cita por un equipo de escaladores liderado polo ciclista murciano. Flamante vencedor da Volta ao Guadalentín no arranque do curso ciclista, Faura figuraba na quiniela de favoritos e os prognósticos acabáronse cumprindo.

Sen apenas diferenzas importantes na tirada inaugural de Badaxoz, o corredor de Prego quedaba o sábado ás portas do triunfo na meta do Castillo de Herrera del Duque. Alí viviuse un emocionante desenlace de algo máis dun quilómetro de pendentes imposibles que se resolveu por centímetros a favor do local Pablo Carrascosa (Finisher). Faura terminaba segundo co mesmo tempo, pero as bonificacións deixábanlle a seis segundos do líder. Ese era o tempo para recortar na definitiva etapa deste domingo con final no mítico Piornal, escenario da Volta a España o próximo verán, e o Cortizo saíu a por todas coa intención de facerse coa camisola amarela. Se onte era Vojtech Kminek o que sacudía o avispero cunha longa fuga, este mañá era Ramón Fernández o que axitaba a carreira cunha escapada que finalizaba na primeira parte do ascenso do Piornal. A carreira saltou polo aire nese momento e as diferentes escuadras empezaron a xogar as súas cartas. No Cortizo, Marc Torres abriu gas en busca da vitoria de etapa e seguíronlle o colombiano Sossa, o portugués Lopes e o francés Decross. O cuarteto de cabeza disputábase o triunfo do día ao esprint, decantándose a favor do latinoamericano, mentres o cronometro poñíase en marcha por detrás para determinar o vencedor da xeral. Entraba Faura a 19 segundos, Carrascosa non resistira o ritmo, e a Volta a Estremadura viaxaba cara a Padrón. O traballo dos de Marcos Serrano tamén se vía recompensado coa vitoria por equipos.

“Estou moi contento non só por min, senón tamén por todos os compañeiros. Onte Vojtech voou en solitario, eu quedeime ás portas e hoxe foi Marc a por a vitoria de etapa. Funcionamos como un bloque e sen eles non podería conseguir este triunfo final. Hoxe quedeime cortado na baixada do penúltimo porto e Carlos e Maksym hanse desfondado para reengancharme; Gamundi, no seu primeiro ano na categoría, fixo un trabajazo durante toda a volta e Ramón brillou na etapa de hoxe na que chegou a ser o líder virtual.  Todo o equipo estivo ao gran nivel que se espera de nós e ímonos moi felices”, declaraba Faura ao finalizar a carreira.

Tras mes e medio de competición, o Cortizo vaise ao descanso de Semana Santa con cinco vitorias individuais no seu haber, catro segundos postos, catro terceiros e sete triunfos por equipos; un inicio de campaña a gran nivel que tratarán de consolidar nas próximas semanas.