Coa Copa de España en modo descanso ata o primeiro domingo de abril, o Equipo Cortizo afronta desde mañá un novo desafío: a Volta a Estremadura.
O conxunto padronés, que afai render a un gran nivel nas probas por etapas, disputa desde este venres a rolda estremeña co obxectivo de repetir o éxito logrado hai un mes na Volta ao Guadalentín, na que se alzou co triunfo final e unha vitoria parcial grazas a unha brillante actuación colectiva personalizada en José Luis Faura. Precisamente, o ciclista murciano será unha das bazas do Padronés para esta cita. Cun gran potencial como escalador, Faura postúlase como un dos corredores para seguir na última e decisiva tirada que contará cun durísimo final no alto no Piornal, un porto de 1ª categoría que tamén terán que coroar no mes de agosto os participantes da Volta a España. Xunto a Faura, Marcos Serrano despregará un equipo con outros ciclistas fortes na alta e media montaña como Carlos Gutiérrez, Maksym Bilyi, Joan Gamundi, Marc Torres e Ramón Fernández, ademais de Vojtech Kminek, actual líder elite da Copa de España, que podería ser unha das apostas para un final ao esprint.
Na presente edición, a Volta a Estremadura contará cun percorrido de 456 quilómetros divididos en tres etapas. O pistoletazo de saída terá lugar este venres cunha tirada chaira de 159 quilómetros con saída e chegada en Badaxoz. O sábado, o pelotón terá que completar 144 quilómetros, os que separan as localidades de Guareña e Herrera del Duque, coa estrada picando cara arriba no últimos catro quilómetros, “un muro duro e moi curto ao estilo da Frecha Valona”, sinala Marcos Serrano. O domingo, a Volta a Estremadura baixará o pano coa etapa reina. Nesa xornada, a montaña será a protagonista nos 153 quilómetros entre Garrovillas de Alconetar e o xa citado Piornal. “Levamos un equipo moi homoxéneo e compensado que aspira a facer cousas importantes nesta proba”, conclúe o director deportivo do Cortizo.
O sábado e o domingo, díptico zamorano.
Unha fin de semana máis, o Padronés terá que desdobrarse para disputar outras citas do calendario; nesta ocasión, dúas clásicas do mes de marzo: o Trofeo Concello de Zamora e o GP Caixa Rural-San José. Modesto Pérez estará á fronte dun equipo formado por Martín Rey, Dani Cavia, Luis López, Óscar García, Jorge González, Fran Bennassar e Hugo da Rúa.