O Equipo Cortizo está a asinar un inicio de tempada brillante que se referendou esta mañá cunha nova victoria, a lograda por Vojtech Kmineken o Circuito do Guadiana. O ciclista checo impúxose a Javier Ibañez (Caixa Rural-Alea) na meta de Don Benito, subíndose todo o máis alto do podio na proba que abría a Copa de España Elite e Sub-23.
Os de Marcos Serrano lanzáronse a por a carreira tras o terceiro paso por Magacela, un ascenso de algo máis dun quilómetro cunha pendente media do 11% que debían coroar ata en catro ocasiones. Superados os dous terzos do percorrido, Martín Rey, Dani Cavia e o propio Kaminek puxeron a directa e uníronse á fuga do día na que había unha ducia de corredores. O escapados lograron entenderse e foron aumentando a diferenza co pelotón, aínda que o último paso por Magacela reduciu a escapada á metade de unidades, seis homes entre os que o Cortizo logrou manter a Kminek e Martín Rey tras unha caída de Dani Cavia.
A pouco máis de 10 quilómetros para a liña de meta, Vojtech e Javier Ibañez soltaron ao grupo e meteron unha marcha máis rumbo a Don Benito, onde o checo fixo valer a súa punta de velocidade para impoñerse a Ibañez nun axustado esprint. Por detrás, a uns 20 segundos, chegou o pelotón con outro corredor do Padronés, Fran Bennassar, exhibindo o seu poderío no esprint para asegurarse o terceiro posto, xusto por diante do seu compañeiro Dani Cavia, quen finalizou cuarto a pesar da caída.
Os de Marcos Serrano exhibiron un nivel espectacular na apertura do campionato, apuntándose tamén a vitoria por equipos e vestindo de líderes da competición a Kminek e Fran Bennassar en categoría elite e sub-23, respectivamente.
“Temos un bloque moi forte, pero foi unha carreira moi dura, con moito vento, e tivemos que traballar moito para sacala adiante. Estou moi feliz. Quero dedicar este primeiro triunfo na Copa de España aos meus compañeiros, a todo o staff e á miña familia”, aseguraba Vojtech nada máis baixarse do podio.
Marc Torres, Joan Gamundi e Luis López brillan na Copa de Portugal de Promesas
Ademais da cita de Don Benito, o Cortizo afrontaba esta fin de semana o seu debut na Copa de Portugal de Promesas baixo a dirección de Modesto Pérez. Onte, en Vila Velha de Rodão,Marc Torres sumaba o seu primeiro triunfo co Padronés tras impoñerse ao esprint a João Silva (*Óbidos) e ao seu compañeiro Joan Gamundi, quen subiu ao terceiro caixón do podio na súa estrea como sub-23. Hoxe, en Sertã, Silva logrou o desquite, gañándolle o esprint a Marc Torres, segundo. Por detrás, máis Cortizo: Luis López, tamén debutante,terceiro, e Gamundi, cuarto. Un dominio azul e verde que se viu recompensado coa vitoria por equipos en ambas as carreiras.