Sebas Calderón pecha o capítulo de renovacións do equipo Cortizo

Sebastián Calderón convértese no oitavo ciclista do actual persoal do equipo Cortizo que seguirá ás ordes de Marcos Serrano. Coa continuidade do costarriqueño, a escuadra padronesa dá por pechado o capítulo de renovacións e a próxima semana comezará a anunciar as novas incorporacións, “unha mestura de mocidade e corredores contrastados que nos permitirán seguir pelexando por todas as competicións”, asegura o director deportivo.

Sebas Calderón (San José-Costa Rica, 2003) cumprirá a súa terceira tempada no Cortizo consolidado como “un gregario de gran nivel, un ciclista que se desenvolve moi ben en todo tipo de percorridos e que dá moito ao equipo”, recoñece Serrano. “Estou moi feliz e agradecido por seguir outro ano máis aquí. Progresei moito neste tempo coa familia do Cortizo e espero poder seguir achegando o meu gran de area para axudar aos meus compañeiros e que eles tamén poidan impulsarme a seguir progresando como ciclista”, afirma Calderón, quen regresará a Padrón a próxima primavera.

Oito renovacións e trece baixas

Xunto ao corredor tico, Martín Rey, Alejandro Paz, Hugo Calvo, Vojtech Kminek, Pablo Bonilla, Marc Torres e Carlos Gutiérrez tamén continuarán na disciplina padronesa. Pola contra, Fran Rus causará baixa despois de catro tempadas “é un grandísimo ciclista que nos achegou moitos éxitos, pero agora o equipo ten un novo rumbo co claro obxectivo de promocionar a mozos corredores, por iso é polo que decidísemos separar os nosos camiños”, explica Marcos Serrano. Jeison Rujano, os canteiráns Iván Saborido e Samuel Signo, Álvaro Carasa, Aaron Wade, Toby Tanfield, Joel Díaz, Edu Pérez-Landaluce e Ricardo Zurita tampouco seguirán. Á lista de baixas, tamén hai que sumarlle os nomes de Sergio Chumil, Sinuhé Fernández e David Delgado, quen viu cumprido o seu soño de dar o salto ao ciclismo profesional nas filas do Burgos BH.