Ramón Fernández vence na Clásica de Pascua cunha exhibición do equipo Cortizo

A Clásica de Pascua queda por terceiro ano consecutivo en casa, deixando para o recordo unha exhibición histórica do conxunto local. Ramón Fernández cruzou en solitario a meta da chaira do Souto tras protagonizar unha escapada da que se foron caendo unidades debido ao forte ritmo imposto polo Cortizo. A máis de dous minutos, chegou o grupo perseguidor con seis corredores, todos do Padronés, que entraron da man ovacionados polo numeroso público que gozaba do Sábado de Pascuilla na vila rosaliana. Nese pequeno pelotón, Marc Torres e Alejandro Paz tiveron a honra de ocupar os outros dous caixóns do podio. Nin os máis vellos da localidade lembraban algo similar nas 61 edicións da proba, os sete primeiros postos da xeral copados polo mesmo equipo.

A Clásica de Pascua reunía este ano a un centenar de ciclistas que tomaron a saída na capital do Sar ás 13:00 horas para emprender un percorrido de 131 quilómetros que discorreu polos municipios de Padrón, Dodro, Rianxo e Rois. Os primeiros ataques no tramo inicial víanse freados polo vento de fronte, aínda que este roló a favor superado o centro urbano de Rianxo e a carreira saltou polo aire. Camiño do alto de Ou Palleiro, formouse unha avanzada de quince corredores cunha ampla representación do Cortizo, entre os que se atopaba Ramón Fernández. Superado o ecuador da proba, a escuadra dirixida por Marcos Serrano meteu unha marcha máis para seleccionar a fuga e empezar a eliminar rivais da loita polo título. Foi no terceiro paso por Formarís cando se produciu a fuga da fuga; Ramón Fernández abriu gas e ninguén era capaz de seguirlle o ritmo. Quedaban 50 quilómetros por diante e Ramón iniciaba o seu propia crono individual para chegar ao pé da subida a Augasantas cunha vantaxe de algo máis dun minuto. Recoñece Fernández que a dureza deste ascenso, cunha pendente media próxima ao 10 % e ramplas por encima do 20 %, fíxolle sufrir. “Marcos cantoume a vantaxe nas primeiras pedaladas por Bralo e aí empeceimo a crer. Cando vas con esas emocións parece que a dor de pernas desaparece e dás máis do que podes. Coroei o último paso por Formarís con todo o que tiña e puiden chegar en solitario a meta. Moi feliz pola miña primeira vitoria co Cortizo e máis contento aínda por conseguila en casa diante da nosa xente”. Tras Ramón, entraban a algo máis de dous minutos, Marc Torres, Alejandro Paz, Carlos Gutiérrez, Lolo Rodríguez, o debutante Samuel Flórez e Maksym Bilyi, completando unha estampa histórica na carreira ciclista máis antiga das que se diputan en Galicia.

O dominio do Padronés tamén se viu recompensado co triunfo por equipos. Ademais, Samuel Florez rendeu a un gran nivel na súa estrea na categoría e levou a vitoria da montaña. Ramón Fernández completou a súa gran tarde coa maillot das metas volantes e o de primeiro líder da Copa Galicia, mentres que Marc Torres fixo o propio co de mellor sub-23 do campionato autonómico. Andrés Ripoll, do High Level-Gsport, foi o vencedor dos esprines especiais.