Pablo Bonilla, sétima renovación do equipo Cortizo

O Padronés Cortizo continúa dando forma ao persoal da próxima tempada e acaba de pechar a continuidade doutra das súas novas promesas, Pablo Bonilla (2004). O ciclista uruguaio, nacido na localidade de Treinta e Tres, chegaba o pasado mes de maio á escuadra dirixida por Marcos Serrano tras despuntar nas categorías inferiores no seu país, onde se proclamou campión júnior de estrada e contrarreloxo en 2022. Antes de dar o salto ao equipo Cortizo, Bonilla tamén logrou este ano o segundo posto dos nacionais de crono sub-23 e a sétima posición da Volta do Uruguai, disputada en Semana Santa.

Na súa primeira campaña nas filas do Padronés, Bonilla xa puido saborear o podio na Nocturna do Porriño no mes de agosto, onde foi segundo, e protagonizar actuacións destacadas na Volta a Galicia, a Volta Valencia ou o GP Douro Internacional. Ademais, tamén puidemos velos representando ao seu país nos Mundiais de Ciclismo de Glasgow.

“Afrontei a miña estrea na categoría como unha tempada de adaptación. A pesar de ser un debutante e de incorporarme en metade do campionato, o balance que fago é moi positivo. Terminei con moi boas sensacións e espero que continúen o próximo ano”, recoñece o corredor uruguaio. “Estou moi feliz e agradecido. O equipo acolleume con moito agarimo e fíxome sentir como na casa. Asumo a nova tempada con moita ilusión, co desexo de seguir crecendo persoal e deportivamente, aproveitando ao máximo esta oportunidade que me están dando”, conclúe.

Pablo Bonilla é o sétimo corredor que asina a súa renovación co Padronés Cortizo, tras Vojtech Kmniek, Hugo Calvo, Marc Torres, Carlos Gutiérrez, Martín Rey e Alejandro Paz.