O equipo Cortizo reforza o seu potencial na montaña coa fichaxe de Marc Cabedo

O equipo Cortizo continúa dando forma ao seu novo proxecto e acaba de confirmar a súa sétima fichaxe para esta tempada. Marc Cabedo (Vilarreal, 2002) incorpórase á entidade padronesa procedente do Telco.On Clima Osés de Navarra, escuadra na que rendeu a un gran nivel o último ano.

Cabedo estreou o seu palmarés en categoría amateur cunha victoria no Memorial Sabin Foruria en Euskadi a a que lle seguiron máis éxitos e podios en 2023. Foi segundo nunha etapa da Challenge B Guara e noutra do GP de Vila-Real, e sumou un terceiro posto na segunda xornada da Volta ao Bidasoa. Ademais, a nova fichaxe do Cortizo sacou a relucir a súa calidade nas dúas probas da Copa de España celebradas o pasado mes de maio en Galicia. Na Roteiros Xacobeos de Padrón, conseguiu coroar o duro alto de Aguasantas co trío de cabeza, pero escapóuselle a vitoria no esprint de meta e tívose que conformar co segundo posto. Ao día seguinte, en Vigo, e tamén coa estrada picando cara arriba, volveu tentalo e finalizou terceiro nunha carreira de inmellorable recordo para os de Marcos Serrano. Aquel día, os padroneses pechaban a Copa cunha exhibición de Sergio Chumil na subida da Madroa.

Precisamente, o salto ao profesionalismo de Chumil, xunto a David Delgado e Sinuhé Fernández, deixou ao Cortizo orfo de escaladores. “Os nosos tres homes máis fortes na montaña fóronse ao Burgos BH e necesitabamos reforzarnos con corredores dese perfil”, sinala Marcos Serrano, quen tamén destaca “a mocidade e potencial de crecemento” que ten a súa nova incorporación. “É un ciclista con gran proxección que xa se estreou coa selección española nunha proba da Copa das Nacións”, engade o director deportivo do Cortizo.

Cabedo, pola súa banda, móstrase entusiasmado co seu novo reto. “O ano pasado dei un salto de calidade enorme e continúo traballando para manter esa liña ascendente. Por iso tamén elixín o Cortizo, porque considero que é o equipo que me pode ofrecer os mellores medios e calendario para seguir crecendo e sacar o mellor de min. Esta tempada buscarei dar un novo paso á fronte buscando o pasaporte ao profesionalismo, un soño que compartimos a maioría dos ciclistas da categoría”.

Coa fichaxe de Marc Cabedo, o Padronés xa conta con 15 corredores no seu persoal. Ademais do castellonenco, incorporou a Hugo da Rúa, Jorge González, Ramón Fernández, Lolo Rodríguez, Dani Cavia e José Luis Faura. Xunto a eles, oito ciclistas renovados: Martín Rey, Alejandro Paz, Carlos Gutiérrez, Marc Torres, Sebas Calderón, Pablo Bonilla e Hugo Calvo.