O Circuito do Guadiana, primeira cita do Cortizo na Copa de España

Tras as boas sensacións mostradas no comezo de tempada, o Equipo Cortizo iniciará esta fin de semana a loita por un dos seus grandes obxectivos para este 2024: a Copa de España. A competición botará a andar o domingo en Don Benito (Badaxoz) coa disputa do Circuito do Guadiana, a primeira das once probas que compoñen o torneo máis prestixioso do ciclismo elite e sub-23 español.

Marcos Serrano apostará para a proba inaugural por un sete de gran nivel integrado por Dani Cavia, Martín Rey, Alejandro Paz, Marc Cabedo, Vojtech Kminek, José Luis Faura e Fran Bennassar coa intención de sumar os máximos puntos posibles na primeira cita dun campionato que premiará no mes de maio ao equipo e corredores máis regulares. Aínda que foxe de favoritismos, o director deportivo do Cortizo recoñece que a Copa de España “é un dos retos máis importantes esta tempada” e que tratarán de empezar “con bo pé” aproveitando “o bo momento de forma” que mostrou o equipo neste mes de febreiro.

O Circuito do Guadiana reunirá a 26 equipos e 182 ciclistas que deberán afrontar un percorrido de 171 quilómetros, completando catro pasadas a un circuíto que terá a súa principal dificultade no Alto de Magacela. Este ascenso de algo máis dun quilómetro conta cunha pendente media do 11% e terán que superalo ata en catro ocasiones, a última, a só 20 quilómetros de meta. De repetirse o guion de anteriores edicións, a proba estremeña podería resolverse ao esprint, unha opción para a que o Cortizo conta con velocistas destacados como Vojtech Kminek, Fran Bennassar e Dani Cavia.

Don Benito acolle a estrea da Copa de España elite e sub-23 e tamén da categoría júnior. Mañá pola tarde disputarase a proba xuvenil na que o Padronés dirixido por Rodríguez Carballido competirá con Tomás Pombo (vencedor a pasada fin de semana da Volta a Estremadura), Gael García, Alejandro Crende, Brais Pena, Diego Souto e Íker Rodríguez.

O equipo desdobrarase para competir na Copa de Portugal de Promesas

Ademais da cita de Don Benito, o Cortizo afrontará esta fin de semana dúas probas do calendario da Copa de Portugal de Promesas na rexión de Beira Interior. Modesto Pérez convocou para a ocasión aos máis novos do equipo, entre os que se atopan os debutantes Joan Gamundi e Luis López que correrán arroupados por Marc Torres, Hugo Calvo e Óscar García.