Martín Rey, homenaxeado en Vilagarcía

O Concello de Vilagarcía rendeu tributo este mediodía a Martín Rey polo triunfo logrado na rolda autonómica. O alcalde do municipio arousán, Alberto Varela, presidiu un acto no que a corporación municipal fíxolle entrega dunha placa conmemorativa coa que quixeron mostrar a súa “gratitude e agarimo” tras a xesta na Volta a Galicia.

O rexedor destacou “o orgullo de contar no municipio cun deportista da talla de Martín”, mostrándose “convencido” de que no futuro daralle “máis alegrías a Vilagarcía”. Pola súa banda, o ciclista do Padronés Cortizo trasladou a súa “felicidade” polo recoñecemento dos seus veciños, aos que quixo devolver o agarimo mostrado cunha camisola dedicada no que lles agradecía o seu “apoio incondicional”. Na homenaxe tamén estivo presente outro grande do ciclismo arousán, Gustavo César Veloso, “un espello no que mirarse”, asegurou Martín, marcándose o obxectivo futuro de “chegar ao profesionalismo como o fixo el”.

No acto celebrado na casa do concello, o ciclista do Cortizo estivo acompañado por familiares, amigos e unha representación do equipo, co presidente Tanis Vázquez á cabeza, xunto ao director deportivo, Marcos Serrano, o preparador físico, José Manuel Abalo, e o responsable mecánico, Dani Cabrejo.

Publicacións relacionadas