O equipo Cortizo segue de traballando no deseño do persoal coa que tentarán revalidar éxitos a próxima tempada. O seu director deportivo, Marcos Serrano, quere “unha escuadra competitiva” na que os mozos vaian asumindo “máis protagonismo”. Por iso, antes de confirmar novas incorporacións, o Padronés trata de asegurar a continuidade das súas promesas, corredores que renderon a un gran nivel esta campaña e que deberán continuar coa súa progresión no Cortizo o ano que vén.
O fortalecemento dese núcleo de zume novo iniciouse coa renovación das dúas grandes promesas do ciclismo galego, Martín Rey e Alejandro Paz, aos que agora se une un balear, Marc Torres O corredor ibicenco, que cumprirá 19 anos en novembro, debutou este ano como sub-23 nas filas do Cortizo, onde chegou tras despuntar en idade xuvenil no Saxun de Alacante. Tras unha tempada de adaptación, Marc Torres seguirá co seu crecemento deportivo na escuadra padronesa.
“Estou moi feliz por continuar no equipo que me deu a oportunidade de dar o salto de categoría. Aquí dispoñemos de todos os recursos que calquera ciclista novo quixese ter para progresar deportivamente. Non só falo das instalacións, senón tamén dos medios técnicos e humanos que poñen ao noso alcance co obxectivo de mellorar o noso rendemento. Ademais, no Cortizo temos un calendario moi completo que nos permite competir en toda a Copa de España e nas grandes voltas da categoría”, asegura Marc Torres.