Lolo Rodríguez regresa a Galicia para unirse ao Cortizo

O equipo Cortizo acaba de anunciar a súa terceira incorporación para a nova tempada. Trátase do ciclista galego Lolo Rodríguez (Salvaterra de Miño, 2002), quen regresa á súa terra tras militar o pasado ano en Laboral Kutxa.

Lolo defínese como “un corredor versátil, disposto a axudar aos seus compañeiros en calquera tipo de terreo”. Por iso, antepon os obxectivos colectivos aos individuais. “Veño ao Cortizo para seguir progresando, evolucionar como ciclista e loitar para que o equipo alcance as súas metas, asegura, á vez que mostra a súa felicidade por unirse á escuadra padronesa. “Estou moi ilusionado e con moitas ganas de afrontar este novo reto. É unha oportunidade que non podía deixar escapar. O Cortizo está a crecer cada ano e consolidouse como un dos mellores equipos da categoría elite e sub-23”, conclúe.

A nova fichaxe do Padronés creceu pegado a unha bicicleta. O seu pai, Manuel Rodríguez Gil foi ciclista profesional e quedou ás portas de levar unha etapa da Volta a España en 1995. Ese ano, corría no Santa Clara de Portugal, e terminou segundo na décimo terceira tirada con final en Murcia. Naquel pelotón, nas filas do Kelme, tamén estaba Marcos Serrano, hoxe director deportivo do Cortizo, quen resalta as virtudes da súa nova incorporación. “Lolo é un corredor talentoso e con capacidade para seguir crecendo. En categorías inferiores mostrou grandes calidades. De feito, en 2018, logrou o ouro no Campionato de España Escolar de Ciclismo celebrado en Baños de Molgas. En junior, continuou rendendo a un gran nivel, pero o seu salto a sub-23 coincidiu cos dous anos nos que a pandemia limitou moito o número de probas e a súa explosión viuse freada, pero estou convencido de que pode ser un corredor importante”.

LOLO RODRÍGUEZ PRENSA