Hugo Calvo renova co equipo Cortizo

O equipo Cortizo continúa deseñando o persoal da próxima tempada e acaba de confirmar a renovación doutra das súas novas promesas. Hugo Calvo (Negreira, A Coruña, 2004) debutaba esta campaña como sub-23 tras dar o salto desde a canteira padronesa, onde chegou en categoría cadete, e en 2024 continuará coa súa progresión ás ordes de Marcos Serrano.

Recoñece o técnico de Chapela que o paso de junior ao circuíto elite e sub-23 “sempre é complicado durante o primeiro ano”, pero móstrase convencido de que tras ese período de adaptación “Hugo Calvo conta con potencial suficiente para facerse un oco na categoría”. Considera Serrano que o ciclista de Negreira “ten en Alejandro Paz un espello no que mirarse”, un corredor que tamén subiu ao primeiro equipo desde a canteira e que con “traballo e esforzo” logrou explotar esta campaña.

Pola súa banda, Hugo Calvo móstrase “moi contento” por iniciar a súa quinta tempada no Cortizo. “Este ano foi de toma de contacto e serviume para aprender como se traballa na categoría tanto dentro como fóra de carreira. Terminei con moi boas sensacións, conseguín o meu primeiro podio na Nocturna do Porriño e espero seguir con esa progresión e axudar ao equipo para conseguir novos éxitos”.

A renovación de Hugo Calvo únese ás xa confirmadas nas últimas semanas de Martín Rey, Alejandro Paz, Marc Torres e Carlos Gutiérrez. Todos eles teñen asegurada a continuidade no Padronés Cortizo en 2024, formando parte dun proxecto que vai tomando forma a tres meses de iniciar a competición.