O equipo Cortizo continúa desvelando os nomes dos corredores que integrarán o seu novo proxecto e acaba de confirmar a incorporación de dúas das grandes promesas do ciclismo balear: Fran Bennàssar e Joan Gamundi.
Francesc Benàssar (Marratxí-Mallorca, 2002) demostrou a pasada tempada nas filas do High Level Gsport que é un dos mellores velocistas da categoría, levantándose todo o máis alto do podio ata en catro ocasións . Os seus dotes como esprínter servíronlle para levar o triunfo en etapas da Volta a Portugal do Futuro, o GP de Vila-Real, a Volta á Comunidad de Madrid e a Challenge Alacante Interior. Ademais, o corredor mallorquino foi segundo no Trofeo Cheirabas Industrial e conseguiu o terceiro posto no Memorial Momparler de Copa de España e o Trofeu Fira D’Agost de Xàtiva. Os seus éxitos no ciclismo de estrada únense aos cultivados en pista, a súa outra especialidade, onde é habitual nas convocatorias da selección española, proclamándose campión nacional absoluto na proba de eliminación en xuño do pasado ano. Precisamente, debido aos seus compromisos co combinado nacional, Bennàssar aínda non puido viaxar a Padrón para coñecer aos seus novos compañeiros, un encontro que se producirá a mediados de febreiro coincidindo coa concentración de inicio de tempada. “Estou con moitas ganas de empezar e co desexo de achegarlle triunfos ao equipo aproveitando a miña punta de velocidade. Espero seguir gozando encima da bici como fixen ata o de agora e que a saúde me respecte para poder loitar por novos triunfos. Ademais, será o meu último ano como sub-23, así que será o momento de demostrar na competición toda a experiencia adquirida durante estes catro anos na categoría”, asegura.
Joan Gamundi (Felatnitx-Mallorca, 2005) estrearase como sub-23 no Padronés tras brillar no seu último ano como júnior no equipo Saxun. Coa escuadra alacantina, Gamundi proclamouse vencedor da Bizkaiko Itzulia en Euskadi, unha das voltas máis importantes do calendario xuvenil que serviu de trampolín no seu momento a ciclistas da talla de Mikel Landa, Jonathan Castroviejo ou Ibán Mayo. Gamundi tamén se impuxo o pasado ano na primeira xornada da Challenge a Subbética, a Volta Ciclista Camporrobles e quedou ás portas do podio na Volta a Talavera tras lograr o terceiro posto na segunda etapa. O corredor balear defínese como “un escalador que tamén pode despregar a punta de velocidade en chegadas en grupos pequenos” e espera adaptarse “canto antes” á nova categoría.
Coas fichaxes de Bennàssar e Gamundi, o Padronés xa conta con 17 ciclistas. Os dous corredores mallorquinos únense ás incorporacións de Marc Cabedo, Hugo da Rúa, Jorge González, Ramón Fernández, Lolo Rodríguez, Dani Cavia e José Luis Faura. Xunto a eles, oito renovados: Martín Rey, Alejandro Paz, Carlos Gutiérrez, Marc Torres, Sebas Calderón, Pablo Bonilla e Hugo Calvo.