Suma e segue para o Equipo Cortizo. Se onte celebraban unha exhibición ante o seu público na Clásica de Pascua, hoxe, no GP Primavera de Ontur (Albacete), volveron a reivindicarse na Copa de España, apuntándose con Dani Cavia unha nova vitoria no certame nacional.
O corredor de Lagoa de Douro levaba varias citas quedándose ás portas dos postos de honra e por fin logrou o seu ansiado primeiro triunfo co Padronés. Superado o ecuador da carreira, Cavia lanzouse ao ataque xunto a Jorge Ibañez (Caixa Rural Alea), Vlas Shichkin (TMP), Ewan Warren (Brocar) e Owen Lightfoot (Rías Baixas). O entendemento entre o grupo de cabeza deu os seus froitos e o quinteto chegou ao circuíto final de Ontur cunha vantaxe de algo máis de medio minuto sobre o pelotón. Por diante quedaban tres voltas, Lighfoot non aguantaba o ritmo e o desenlace apuntaba a un esprín reducido entre os catro sobreviventes. E así foi; Cavia impuxo a súa punta de velocidade e alzou os brazos no GP de Primavera. “Non hai palabras para describir a alegría que sinto. Son moitos días de traballo que por fin deron resultado grazas ao esforzo de todo o equipo. Foi unha fuga moi afastada, tocou remar moito, pero os meus compañeiros dérono todo para que frutificará”, recoñecía o valisoletano ao finalizar a proba.
Tras el, entraban na liña de meta Jorge Ibañez e Vlas Shichkin, completando un podio do que quedaba fóra Warren por cinco segundos. A 28, entraba o pelotón perseguidor comandado por outros dous ciclistas do Cortizo: Vojtech Kminek, quinto, e Bennassar, sexto, que sumaron un importante número de puntos para seguir na pelexa polo título de Copa.
Os de Marcos Serrano, que aspiran a lograr o prestixioso título nacional por primeira vez na súa historia, reafirman a súa candidatura con este triunfo en Ontur. Gañaron duas das catro carreiras disputadas, encabezan a clasificación por equipos e Cavia é o novo líder absoluto da competición e da categoría sub-23. O único maillot que se lles escapou nesta xornada foi o elite, portado ata a data por Vojtech, e que pasa a enfundarse Ibañez tras o seu segundo posto en terras manchegas.
Ramón Fernández, sexto en Portugal entre continentales
Sen apenas tempo para saborear o éxito de Pascua, unha parte do equipo participou esta mañá na Clássica Aldeias do Xisto en terras portuguesas, na que competiron contra escuadras continentais. Ramón Fernández volveu demostrar o seu gran estado de forma e logrou o sexto posto dunha xeral infestada de ciclistas profesionais. Carlos Gutiérrez, que tamén roda moi cómodo no país veciño, foi décimo.